DÍA INTERNACIONAL DA DANZA
Ficha técnica e artística
Dirección: Julia Laport Rivas
Creación: Colectivo D’elas
Interpretación: Myriam González, Eloi García, Martín Sanjurjo, Andrea Castro, Noelia Mato, Iria Casal
Espazo lumínico: Nacho Martín Rivas
Espazo sonoro: Bruno Baw e LLXNTO
Vestiario: Yago Valverde e Elise Abella
Produción executiva: Myriam González e Julia Laport
Produce: Colectivo D’Elas
Distribución: Amarelo Distribución-Lilian Portela
Colaboran: Galicia Danza Contemporánea, Asociación Cultural Manicómicos, Amarelo Distribución, O Ruiseñor, Peripecia Teatro e o Concello de Ferrol
Subvenciona: Agadic-Xunta de Galicia 2023
Descrición:
É difícil fotografar o baleiro é un espectáculo de 60 minutos de duración para teatros e auditorios con seis intérpretes en escena.
Este espectáculo é unha aposta por atopar se existe algo máis aló do corpo. É un interrogatorio poético da verdade, do centro, da transcendencia. A través das experiencias de seis corpos moi diversos atopámonos coa superficialidade da identidade, coa busca dunha esencia que nunca se pode atrapar. As dinámicas xeradas entre estas seis intérpretes, mergullan ao espectador nun tránsito entre corpos baleiros e corpos que aluden á intuición, á transcendencia, á ilusión, e que procuran máis aló da súa propia carne.
Nunha viaxe entre os cantos gregorianos e a música techno de LLXNTO e Bruno Baw, as seis bailarinas móstrannos corpos virtuosos pero humanos, con capacidades extraordinarias pero coas limitacións de ser mortais, machucables e imperfectos. Unha tentativa de habitar un corpo cru, doente, limitante pero un corpo capaz de amar, sacrificar ou soñar máis aló. Afundindo ao espectador nunha viaxe visceral, sinistra e chea de metáforas e imaxes.
Coa atención á música, á coordinación e ao uso da palabra que caracteriza ao colectivo, É difícil fotografar o baleiro é un mundo plástico que por momentos lévanos a ver a música a través dunha masa de corpos, e por momentos atopámonos mergulladas na intimidade do individuo, no seu baleiro. A potencia de seis corpos entregados á escena na procura dunha identidade colectiva, dunha identidade propia, dunha esencia que parece imposible de alcanzar. Unha falta de identificación, unha colectividade a partir do único que queda, o corpo. Unha busca do baleiro como centro de tódalas cousas.