Ficha artística e técnica:
Interpretación, texto, espazo escénico e dirección: Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola.
Vestiario: Lumecú
Complementos: Silvereira
Zocos: Elena Ferro
Maquillaxe: Fani Mosqueira
Música e letra: Marta Doviro, Carmen Méndez e Ledicia Sola.
Canción “as Nosas”
Música: Diego Guerrero
Letra: Marta Doviro, Carmen Méndez, Ledicia Sola e Diego Guerrero.
Descrición:
“Só unha de cada dez rúas ten nome de muller”. A partir desta noticia real As R(h)umorosas comezan a procura de mulleres ilustres galegas para actualizar os rueiros do noso país. As candidatas a ter unha rúa co seu nome teñen que demostrar a súa valía durante un peculiar proceso de selección.
Nesta comedia orquestrada por Carmen Méndez, Marta Doviro e Ledicia Sola, coñeceremos, entre rumor e humor, máis detalles das vidas destas mulleres galegas dun xeito diferente e divertido.
As R(h)umorosas falan, cantan e bailan para dar vida a estas mulleres e serán tamén xuíz e parte nesta escolla.
Nun formato que mestura os monólogos con sketchs cómicos, poesía e música, achegámonos aos detalles máis descoñecidos de grandes nomes como Emilia Pardo Bazán, María Casares ou incluso lendas como a de Pepa A Loba. Todas elas terán que postularse e facer valer os seus méritos para ser coñecidas e recoñecidas por toda a sociedade.
Marta, Carmen e Ledicia danlles voz a estas e outras mulleres ilustres de Galicia a través de situacións imaxinarias como unha entrevista no SEPE, un programa de chismes ou un talent show.
Todas estas situacións en clave de humor formúlanse coa idea de xogar, imaxinar e sobre todo de coñecelas un pouco mellor. As R(h)umorosas contan non só falando, senón tamén cantando, tocando en directo, recitando e bailando.
O resultado é un espectáculo divertido, auténtico e que achega un gran valor cultural.